PASEO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ



Fotografía de grupo realizada na área recreativa do Cantiño no inicio do encontro


Carlos Pascual Garcés


Os membros do curso de neofalantes fixemos unha actividade moi interesante. Consistiu nun paseo por varios lugares de Burela para coñecer os puntos en que Antía Yáñez ambienta o seu libro "O misterio do torque de Burela".Tivemos a sorte de ir acompañados pola autora, por outras persoas de grande interese cultural e por Bernardo Penabade, que fixo o papel de anfitrión. 
Comezamos a andaina no lugar do Cantiño, onde se fixeron as primeiras presentacións e falamos distendidamente con Ibrahima, que nos contou como chegou a España e cal é súa situación actual. Fixo Ibrahima unha lectura moi xeitosa dunha parte do texto da obra. Despois tiramos unhas cantas fotografías do grupo e puxemos rumbo ao mirador de Monte Castelo, desde onde en días despexados pódese ver todo o litoral de Viveiro a Tapia de Casariego. Ese día, porén, había bruma mariñá e non se divisaba ben.
No Castelo, o Bernardo falounos da importancia que ten a promoción da lectura no ensino e da conveniencia de facer visitas culturais como esta na educación dos rapaces e raparigas da contorna. Tamén nos falou un home, non recordo o nome, da balsa de lodos de Alcoa, que se vía ao lonxe. Díxonos que as medidas de seguridade dese depósito para evitar escapes dos lodos eran moitas e que sería imposible que sucedese unha desgraza. Eu non estou tan seguro de que sexa así.
Desde alí partimos para ver o castro de Burela e o que se coñece como as Tetas da Vinculeira, lugar onde se atopou o famoso torque.
Xa, para rematar a mañá, fomos tomar un refrixerio preto do porto e alí despedímonos e finalizamos o que, abofé, foi unha experiencia ben proveitosa.

Comentarios