SES: "Agora mesmo estamos vivindo a utopía dos nosos avós"
![]() |
| Ses foi presentada por David Mon, que tamén se ocupou de moderar o debate. FOTO: L.R. |
O 28 de marzo de 2026 tivo lugar un acto cultural na Asociación Xebra de Burela. Presentouse o libro-disco Nadando na incerteza de Sés. A artista, tamén antropóloga e filóloga de formación, comezou a dedicarse á música grazas ás oportunidades que -como nos dixo- viñéronlle dadas por xente que confiou nela.
Malia que moitos de nós esperabamos unha conversa sobre a produción do disco e do libro, o encontro converteuse nunha reivindicación clara dos ideais da artista e do que a move no momento creativo: a política, a ética e a necesidade de expresarse doutra maneira (neste caso a través dun libro).
Para alén de reflexionar sobre a incerteza da vida e do destino, e sobre a ignorancia que supón pensar que podemos controlalos, Ses falounos da lingüística e da importancia que tivo sempre nela, tanto nun sentido antropolóxico como social. Tamén conversou sobre a utopía, da súa existencia e da importancia de vela como algo alcanzable e conseguible. "Todos nós estamos vivindo agora mesmo a utopía dos nosos avós, que non está tan lonxe. Como non crer nela se a temos tan preto?", enfatizou. "Miña avoa non podía votar, non podía casar cunha muller, non podía abrir unha conta no banco... Por iso eu me considero a utopía en min mesma, a utopía personificada".
A velocidade da vida, a repercusión das redes sociais e a tecnoloxía -"movémonos ao rito dun like", dixo- foron temas abordados nun coloquio en que se falou tamén da actual sobreprodución de música, da homoxeneización do mercado musical e de que chegou un momento de "intoxicación", de "empalague", por escoitar sempre o mesmo. A artista non cre que o que se produce agora sexa nin mellor nin peor do que se facía antes. Pensa que a expresión "mira o que se facía e mira o que se fai" utilizada moitas veces para darlle pouco valor ao que se está a facer agora existiu sempre e vai seguir existindo. O que cambiou nestes tempos tecnolóxicos é a cantidade de xente que ten acceso a facer música ou, polo menos, a intentalo.
Referíndose ao libro, propón que unha das maneiras de afrontar a lectura pode ser ir intercalando a lectura dos capítulos coa escoita das cancións a que están referidos.
En resumo, pareceume unha conversa moi interesante. Co seu xeito de expresarse entre contundente e humorístico, conseguiu manter a atención de todo o público asistente ao acto. Agradezo que existan agrupacións que promovan este tipo de encontros culturais.

Comentarios
Publicar un comentario