Espazos seguros para o encontro intercultural
Participantes no Escoitadoiro I celebrado no Museo Etnográfico de San Paio de Narla Carlos P. Garcés Sánchez |
-O ciclo de actividades está organizado por unha comisión técnica do Consello da Cultura. Que tipo de persoas participan nela?
A Comisión de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega, creada en 2019, está comprendida por diferentes perfís profesionais da xestión cultural, que discorren entre os ámbitos da museoloxía, do comisariado artístico, da xestión política e técnica dende a Administración Pública, da produción cultural, da animación sociocultural, da comunicación, da investigación e do traballo interseccional co terceiro sector. Temos dúas liñas de traballo continuadas, converxentes e complementarias, sobre Políticas Culturais e sobre Dereitos Culturais. Agora, ademais, a Comisión está a traballar sobre o novo marco conceptual e lexislativo dos Dereitos Culturais, poñendo o foco neste último ano en como estes dereitos culturais interpelan ás comunidades migrantes e que barreiras atopan para exercelos no noso territorio, reivindicando a cultura de paz en momentos tan críticos como o que estamos a vivir.
-Que actividades prepararon, ademais da de Friol?
Ademais do Escoitadoiro de Friol, están previstos encontros nas outras tres provincias galegas. Pretendemos configurar unha rede de escoita territorial. Estes escoitadoiros forman parte dun proceso máis amplo que inclúe o Laboratorio de Dereitos Culturais, o Observatorio e a elaboración dun informe final (Informe 2026: Cultura e Paz | Migracións e Dereitos Culturais). Tamén se desenvolverán accións de rexistro audiovisual, mediación cultural e difusión dos contidos xerados.
-Cal é o perfil das persoas que queren implicar nestas actividades sobre as migracións e a cultura da paz?
-Búscase implicar persoas con experiencias diversas pero vinculadas ao territorio: artistas, creadoras, colectivos migrantes, persoas retornadas, profesionais da cultura, educación e comunicación, así como axentes institucionais. Especialmente, dáse prioridade a persoas que viven procesos migratorios ou de hibridación cultural, que poidan achegar experiencias en primeira persoa e contribuír á construción de narrativas colectivas desde a diversidade.
-Como se desenvolveu o encontro de Narla?
-O encontro desenvolveuse como unha xornada participativa estruturada en varias fases. Combinou reflexión colectiva e elaboración de propostas arredor da interculturalidade e os dereitos culturais en Lugo.
A sesión comezou cunha benvida institucional e unha presentación metodolóxica. Despois activouse a participación mediante unha dinámica de “cartografía en roda”. As persoas participantes situáronse nun mapa do territorio, compartindo a súa orixe, ámbito de traballo e relación coa cultura, o que permitiu visualizar a diversidade do grupo e establecer conexións iniciais entre proxectos e axentes culturais.
A continuación, o encontro avanzou cara a unha fase de diagnóstico colectivo. Organizáronse catro grupos de traballo, cada un centrado nun eixo temático —políticas públicas, pertenza e territorio, convivencia e coidado, e creación artística—; e nestes espazos analizáronse as principais barreiras existentes no contexto lucense, así como as experiencias e prácticas positivas xa en marcha.
- Formuláronse propostas de actuación futura?
-Formularon, claro! Mais iso foi despois dunha pausa para o café e os contactos espontáneos. Nunha nova reorganización dos grupos, abordouse a definición de accións concretas, o papel dos distintos actores implicados, os recursos necesarios e as posibles iniciativas culturais a desenvolver, co obxectivo de trasladar o diagnóstico previo a medidas aplicables.
O encontro concluíu cunha posta en común. Recolleuse un listado das problemáticas detectadas, das boas prácticas identificadas e das propostas xeradas colectivamente. Así configurouse unha base de traballo para futuras políticas e accións culturais no territorio.
- Polo que se ve, todo o mundo escoitou... mais tamén todo o mundo falou!
-Moi certo. En conxunto, a xornada desenvolveuse como un proceso de escoita activa e concreación. Articuláronse respostas colectivas desde o ámbito cultural á realidade intercultural e migratoria de Lugo.
-Non debeu ser nada fácil coordinar tantas intervencións. Cantas persoas participaban?
-Participamos unhas 30 persoas. Especificamente pola provincia de Lugo estaban convidadas 20: Laura Burgué, Ali Laha Díaz, Simón Rodríguez, Kirenia Martínez Acosta, Ralf Jürgens, Evelin Ruiz, Carmen Amigorena Teijeiro, Alisa Smirnova, Vadim Yukhenevich, Bernardo Penabade, Cris Bamio, Hanoi Vidal, Carmen Porteiro, Ana Bereciartua, Romina Natalia Barrientos, Luzia Oca, Jessica Fernández, Stephanie Cubides, Juan Pablo Mastroiani e Soila Jankowska. Son un grupo diverso de perfís que enriqueceron o desenvolvemento do encontro.
-Xa existe un documento público coas conclusións?
-Aínda non. As conclusións serán presentadas a través dun informe unha vez que se realicen os tres encontros restantes.
Comentarios
Publicar un comentario