MONCHO MARIÑO: "A versatilidade da Rede favorece a continuidade dos medios"
Carlos P. Garcés
Ramón Mariño Fernández (Moncho Mariño) naceu en Xove (1972) nunha familia toda de agricultores, agás seu pai que foi mariñeiro. Xunto con seu único irmán, criouse na parroquia da Rigueira cos avós maternos. En Mondoñedo comezou os estudos de bacharelato, que continuou en Burela e que non puido completar. Foi aprendiz de carpinteiro e traballou en brigadas forestais durante un par de veráns e nunha auxiliar de Alcoa. Simultaneamente, matriculouse de novo para cursar o bacharelato a distancia. Cando tiña 27 anos aprobou o exame para maiores de 25 anos e así entrou na universidade, onde completou a licenciatura en Xornalismo. Durante a carreira e despois, fixo prácticas en varios medios (Radio Galega, Radio Voz e outros), traballou para o gabinete da Xunta de Galicia durante o goberno bipartito, máis tarde para o gabinete de prensa do Concello de Santiago e agora para diversos medios dixitais. Doutor en Ciencia Politica, fixo a tese de doutoramento sobre fanzines. Vive en Compostela.
-Non penses que me esquecín de ti. Os traballos da casa, a preparación da horta, facer as comidas e demais tarefas ocúpanme tanto tempo e tanta enerxía que á noite non me resta vontade para poñerme con outros traballos, entre eles o que me vincula nestes momentos contigo.
Por outra banda, hei de confesar que estiven indagando no teu currículo coa intención de facerche as preguntas mais adecuadas. Non hai moito tempo, fuches ti quen me fixera unha entrevista. Lembras? Pois agora intercambiamos os papeis e ti pasas a ser o entrevistado e eu o entrevistador. As voltas que dá a vida!
-Dá moitísimas voltas. Non fai falta que mo expliques. Penso que diso xa sei bastante.
-Fuches carpinteiro, peón nas brigadas forestais, traballache na factoría de Alcoa... mais retomache os estudos de bacharelato e despois completache os universitarios. Non estivo nada mal o camiño percorrido.
-Os traballos que realicei foron os que me permitiron pagar as matrículas do bacharelato e da universidade. Funme facendo a min mesmo e con 27 anos comecei a aventura fóra da casa.
-Tamén sorprende que, tendo estudos de Xornalismo, fixeses o doutoramento en Ciencia Política e a tese sobre os fanzines.
-O doutoramento fíxeno en Ciencia Política e especialiceime en fanzines, mais en relación á carga ideolóxica que tiñan na época de Manuel Fraga. Xa ves a confluencia entre as dúas carreiras.
-Pensas que os fanzines son un medio de expresión da mocidade que non se ve reflectida nos medios tradicionais?
-Si, desde logo. Os fanzines naceron para dar saída ás ideas da xente máis nova. Saíron a partir dos desexos de adolescentes (sobre todo norteamericanos) que lían cómics e querían escribir e deseñar eles as súas propias historias. Como as grandes editoriais non lles daban paso, crearon os seus propios medios de expresión e pasaron a emitir as súas mensaxes ao mundo. Co paso do tempo, os fanzines foron engadindo temáticas moito máis concretas como a política, o desemprego, a música, a crise económica, o feminismo e todas as expresións que ían nacendo polo camiño. Hoxe en día predominan os artefactos de expresión moi persoal, por iso son denominados per-zines. A revolución dixital permitiu facer o mesmo que antes se facía en papel, mais chegando a un número indefinido de potenciais lectores.
-Normalmente a mocidade sente a necesidade de experimentar outras vivencias, diferentes ás dos seus antecesores?
-Sobre separarse das vivencias dos seus antecesores, si, estou de acordo con esa visión porque toda a creación chegada das xeracións máis novas normalmente vén romper determinados aspectos do pasado. Como a maioría das veces estas posturas son inicialmente rexeitadas, os máis novos recorren a vías de expresión capaces de permitirlles achegar os seus pareceres e ideas ao público xeral. Esta é unha dinámica propia en diferentes momentos da historia, especialmente en sociedades industriais e postindustriais.
-Ultimamente están aparecendo múltiples xornais dixitais grazas á internet. Como cres que este feito afecta á prensa escrita?
-Os medios dixitais tamén son prensa escrita, senón non sei por que paso tanto tempo diante do computador escribindo ou editando textos. A principal vantaxe de Internet, en principio, é que permite crear plataformas de expresión desde onde emitir información, arte, ciencia etc.
Non teño unha visión apocalíptica. Cando naceu a radio, dicían que os xornais en papel morrerían e non foi así. Cando naceu a TV, dicían que a radio morrería e tampouco foi así. Hoxe coa Internet podemos ter nunha mesma canle papel, radio e TV, por tanto, a versatilidade da Rede permite que os diferentes medios sobrevivan.
-Iso é moi positivo!
-Ollo! O que si debemos ter claro é que se se aposta definitivamente pola prensa dixital, sucederá o mesmo que coa prensa tradicional: o peixe grande comerá o pequeno. Os medios máis modestos terán que competir con grandes medios por publicidade, por promocións, axudas públicas ou privadas e case
sempre serán os grandes os que aproveiten a mellor parte.
-E a prensa en papel?
-A prensa en papel aínda ten moito que dicir e tampouco desaparecerá totalmente. Hai iniciativas que, aínda sendo moi experimentais, demostran que apostar por publicacións de calidade pode ser unha excelente saída. Ten en conta que os media en xeral son empresas e as empresas teñen que adaptarse ou morrer. Se non queren morrer, deben aceptar as regras do xogo establecidas no mercado. Isto pasa na prensa escrita, na radio, na TV... e na Internet.
-Entón non está en perigo a desaparición dos xornais en papel.
-Insisto no que xa dixen, non desaparecerá a prensa en papel. É moi posible que diminúa o seu volume, a súa presenza e tamén o número de cabeceiras. Mais estou certo de que as grandes editoras farán o posible por manter edicións en papel debido a que necesitarán dos dous soportes (dixital e físico) para seguir chegando a un número amplo de lectores. A pesar diso, recoñezo que algúns medios exclusivamente dixitais están tendo moito éxito e, de paso, demostrando que a sociedade xa está dixitalizada polo menos nun 80%.
-Pensas que a información que recibimos do dixital é mais independente dos poderes fácticos que tanta influencia teñen na prensa escrita?
-É difícil describir o que é un medio independente. Aquí debería poñerme en plan académico para explicar moitas cousas que darían para horas de disertación. Un medio independente pode ser aquel que, aínda tendo unha empresa editora detrás con diferentes accionistas, ten unha liña editorial que lle permite ser máis crítico que outros media en temas como política, economía, problemas sociais, etc. Porén, a día de hoxe os media -escritos, audiovisuais e dixitais, maioritariamente privados- necesitan financiamento e isto só se ten coa publicidade, con axudas públicas ou sendo un medio público que non dependa de anunciantes. Os poderes “fácticos” son precisamente os promotores dos anuncios e, casualmente ou non, mediante a entrada no seu accionariado tamén son propietarios dos media.
-Pensas que non existe a prensa independente?
-A prensa independente non existe. Toda a prensa necesita ter ingresos e só vendendo xornais non se
saca nada. Por iso se recorre á publicidade, con moi poucas excepcións. Existen iniciativas populares e altruístas que desexan facer unha programación fóra das grandes fórmulas mediáticas, achegándose máis ao día a día da rúa, da vila, da comarca, da parroquia etc. Son independentes? Descoñezo ese punto, debería estudar caso por caso. En definitiva, os medios máis consumidos non son independentes "per se".
-Que opinas das subvencións que recibe o xornalismo que se desenvolve na nosa lingua en contraposición ás que reciben os comunican en castelán?
-A política lingüística a favor do galego nunca foi unha prioridade para a maioría dos políticos galegos, sobre todo para os que estiveron e están gobernando. Para dar información en galego os medios deberían recibir axudas, mais as liñas editoriais son as que son e a día de hoxe en Galicia a maioría da prensa está en castelán e aínda así recibe esas axudas e outras moitas. Hai medios que comunican exclusivamente en galego que reciben diñeiro público? Si, mais son cantidades meramentes testemuñais. Realmente isto dos subsidios é como quen inviste en xuros: poxas polo cabalo gañador (os media con máis peso) e os pequenos levan as farangullas.

Comentarios
Publicar un comentario