A miña primeira vez
Berta Vidal Queralt
Xa hai mais de dous anos que vivo en Galiza e aínda non me atrevía a falar en galego. Grazas ao traballo puiden aprender moito, tanto lido como falado, xa que os meu compañeiros son galegofalantes, cousa rara nos tempos que corren. Aínda que o entendera todo, nunca me atrevín a falalo xa que me daba vergoña.
Lili é unha amiga que fixen cando cheguei a Galiza, porque compartimos unha afección: o surf. En xeral, non hai moitas mulleres que o practiquen e na zona da Mariña menos. Foi por iso -e porque o meu mozo xa a coñecía- que nos fixemos amigas. Entre nós, sempre falábamos castelán, pero desde que lle dixen que estou facendo un curso para neofalantes, ela comezou a falarme en galego.Tanto ela como nós, temos unha furgoneta e ela adoita permanecer varios días ao lado da praia. Hai dúas semanas, comendo xuntos en Barreiros, pediume que lle dixese o mesmo que estaba a dicir... mais en galego.
Nun primeiro momento custoume moito, pero fíxenlle caso e probei. A verdade é que cando pasas a vergoña inicial para romper o xeo, logo xa vai todo máis fluído. Nunha segunda ocasión estaba tamén a súa parella e tamén estivemos falando en galego. A sensación que teño é que a partir de agora vai ser moito mais fácil falar galego noutros contextos.
A verdade é que tiven moita sorte de coincidir con alguén que me anime a falar a miña nova lingua, sen xuízos. Síntome moi afortunada por iso.
Estas breves palabras escritas vanme servir para recordar a miña primeira vez falando galego con alguén da zona sen que sexa nun curso.

Comentarios
Publicar un comentario