Ana Polo, neofalante: “Na aprendizaxe lingüística hai que facer un cambio de chip”

-Tiveches algún motivo especial para decidirte a aprender galego?

Como viña traballando na Mariña a tempo parcial entre tres ou catro meses por ano, hai uns meses decidín alugar unha vivenda e entendín que era o momento de aprender a lingua que fala a xente de aquí. Agora vivo en Burela e desprázome a Mondoñedo e Viveiro.

-Cal foi a principal dificultade nun primeiro momento para aprender galego?

Hai que facer un cambio de “chip”. Digo isto porque o galego si se entende, mais a grande dificultade está na falta de práctica oral. Non todo o mundo fala galego cunha persoa castelán-falante; no meu ambiente laboral é frecuente que a xente non fale galego. 

-Cal é o trazo que máis che chamou a atención cando comezaches a estudar?

A prioridade está no coñecemento do sistema verbal e para min os verbos aínda son difíciles. O mellor é que o curso non sexa só de lingua; concíbese como un curso de ‘Lingua e cultura galega’. O noso profesor fainos unha introdución a diversos elementos da historia e xeografía de Galicia e iso fai máis cconsistente a aprendizaxe. Axúdame moito a sentirme con máis forza e desexos de aprender.

-Canto tempo levas asistindo a este curso e como o practicas?

Levo dous meses. Temos tres sesións semanais dunha hora online e de cando en vez facemos encontros persoais do grupo.

-Actualmente exerces como matrona na Mariña. Traballas nalgún centro de saúde?

Efectivamente, traballo como matrona. Desenvolvo o meu labor nos centros de saúde de Mondoñedo e Viveiro. Os luns, mércores e xoves vou a Viveiro e martes e venres vou a Mondoñedo.

-Tamén es unha persoa que investiga a violencia obstétrica. Cal é o obxectivo desta investigación?

O obxectivo é contribuír a que a muller e o home que van ter fillos -sobre todo a muller, porque é ela quen xesta, pare e ten o suxeito xurídico na relación cos profesionais e o sistema sanitario- reciban o acompañamento do sistema sanitario. A lei de autonomía do paciente permite que a persoa usuaria se relacione co sistema de xeito horizontal na toma de decisións. Isto non sucede realmente na obstetricia. A obstetricia é unha das ciencias médicas máis impermeables ao coñecemento científico e as prácticas moitas veces non son consensuadas dunha maneira consciente coa muller que leva adiante o proceso de xestación e o parto. Estas investigacións queren mostrar cal é a realidade en España e comparala co que acontece noutras áreas internacionais.

(O texto foi publicado orixinalmente en A Mariña Xornal)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

SES: "Agora mesmo estamos vivindo a utopía dos nosos avós"

PASEO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

Espazos seguros para o encontro intercultural