ANCARES: A SERRA ESQUECIDA





Belén Hernández


O documental Ancares: a serra esquecida, baseado no libro do mesmo nome, escrito por Enrique de Arce, sitúanos nos límites de Galicia. Esta barreira natural con vellas montañas e profundos vales, que fai unha fronteira natural co resto de España, provocou o illamento da zona, allea aos avances da civilización. Foi unha terra esquecida e ignorada, ata que ocorreu unha historia que transformou todo.

Nos anos 60, un grupo de 5 estudantes decidiu facer unha acampada nunha zona de Galicia que non coñecían: os Ancares. Nas aldeas de Donís e Piornedo os aldeáns carecían de recursos básicos para poderen sobrevivir. A causa da incomunicación era a falta dunha estrada que os puxese en contacto co exterior. Perante a situación que atoparon e que consideraron inxusta, os estudantes decidiron pedir axuda e levaron a historia ao xornal El Ideal Gallego, o cal deu visibilidade á situación da zona e conseguiu diñeiro para vitaminas e medicamentos e tamén favoreceu a chegada dunha expedición de estudantes de Medicina.

Levar a axuda ata alí non ía ser doado. A razón é que só existía unha pista estreita, con moitas curvas, que non chegaba ata a aldea e no final da mesma alguén tiña que agardar con mulas para cargar as mercadorías e continuar a viaxe durante uns 20 km polo monte.
Cando chegou a Piornedo, o xornalista que cubría a expedición pensou que chegara a África. Atopou casas primitivas sen auga corrente, sen electricidade e sen teléfono; e, sobre todo, xente con moitas enfermidades. Algunhas delas moi comúns, como o bocio, debido á falta de iodo na auga; e o raquitismo, consecuencia dunha mala nutrición. Cando xurdía un caso de gravidade, os aldeáns víanse na obriga de trasladar o doente nunha padiola entre 4 ou 5 horas polo monte e ás veces caían vencidos na tentativa.
Malia as súas carencias, os veciños levaban sempre un sorriso na cara; para eles a ignorancia era felicidade. Eran xente hospitalaria, aberta, amable e faladora. Tiñan un sentido moi desenvolvido da solidariedade, posible polo illamento en que vivían. Non eran infelices xa que non tiñan referencias do que lles faltaba.

Nalgunha das conversas cos nenos, o xornalista soubo que lles facía ilusión ver o mar e organizou unha excursión. Medio centenar de crianzas dos Ancares ficaron perplexos ante a extensión do mar e saíron correndo cara a el para desfrutar da auga, sorprendéndose de que fose salgada.
Máis alá disto, o verdadeiro desfrute foron os avances como a luz eléctrica, a canalización da auga ou mesmo o cinema.
Aquela experiencia marcou o conxunto da poboación para toda a vida.  Despois de que moitos decidisen emigrar, conseguiron a estrada, que chegou tarde e só serviu para que aquelas aldeas fosen ficando baleiras.
No final do documental abórdase tamén o futuro é conclúese que para reverter a situación hai que adoptar políticas que favorezan o retorno.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

SES: "Agora mesmo estamos vivindo a utopía dos nosos avós"

PASEO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

Espazos seguros para o encontro intercultural