ISABEL VILLALBA SEIVANE: "No futuro os alimentos variados e de calidade van ser moito máis escasos e demandados"

 

Isabel Villalba Seivane nunha xornada reivindicativa do sindicalismo agrario

A Escola de Neofalantes da Mariña celebra o 8M e faino coa publicación dunha das nosas actividades de aprendizaxe, que compartimos coa audiencia. Trátase dunha entrevista de Carlos Pascual Garcés Sánchez a Isabel Villalba Seivane, a quen agradecemos a disponibilidade para colaborar nesta iniciativa de escola aberta.


Carlos Pascual Garcés Sánchez

Cando comezache o teu traballo activo no Sindicato Labrego da Galiza?

A miña nai e a miña tía tiñan unha pequena granxa de leite e así foi como coñecín o Sindicato Labrego Galego. Na miña etapa de estudante participei en mobilizacións agrarias que había na época, nalgunha charla informativa organizada polo SLG, e finalmente colaborando como voluntaria realizando traducións dalgúns artigos sobre transxénicos. Ao rematar os meus estudos e coincidindo coa decisión do meu compañeiro de incorporarse á granxa familiar, apareceu a posibilidade de axudar a dinamizar e colaborar nas actividades que o Sindicato realizaba na comarca da Mariña.

Desde cando pasache a formar parte da súa Secretaría Xeral?

Sendo secretaria xeral Lidia Senra, propuxéronme formar parte do seu equipo e, pasado un tempo, elixíronme como responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, levando tamén a nivel nacional iniciativas en favor da soberanía alimentaria e outros temas. De 2002 a 2012 tiven a responsabilidade de dinamizar todo o relativo aos dereitos das mulleres labregas, loitas por cambios normativos como a Lei de Titularidade Compartida, ou a implantación da paridade na propia organización, así como outros temas de diferente índole,  nomeadamente necesidades ou problemas que nos afectan ás persoas agricultoras e gandeiras. No ano 2012 fun elixida secretaría xeral do SLG, cargo que ocupei ata novembro de 2025, data en que se celebrou o último congreso da organización e decidín non volver a presentarme.

O SLG participa tamén en coordinadoras sindicais a nivel estatal ou internacional? En cales?

Unha das principais liñas de traballo do SLG é a construción ou o reforzo de alianzas para conseguir unha maior incidencia nos temas que defendemos. Son moitas e moi variadas as plataformas en que participamos: plataformas na defensa do territorio como as agrupacións veciñais que se organizan para defenderse de proxectos con grandes impactos (mineiros, eólicos, plantas de biogás...), plataformas na defensa de dereitos sociais como a sanidade pública ou a defensa dun sistema público de atención á dependencia e á discapacidade, por poñer algunhas das que actualmente están a ser máis activas, o movemento feminista, sendo parte desde o inicio por exemplo da Marcha Mundial das Mulleres, plataformas contra os lumes, pola paz, en defensa do idioma... A nivel estritamente agrario e gandeiro formamos parte da Coordinadora de Agricultores e Gandeiros (Coag) a nivel do estado, da Coordinadora Europea da Vía Campesina e da Vía Campesina a nivel internacional.

Nestes anos, cal sería ao teu parecer onde a actividade sindical che reportou máis satisfaccións?

Para min cada vez que se consegue que unha persoa labrega solucione un problema que lle está a afectar a ela ou a súa familia a satisfacción é inmensa: que se solucione un impago, axudarlle a realizar xestións coas que está a ter problemas, que lle recollan o leite, que reciba un prezo  xusto... Ao longo destes anos tiven múltiples satisfaccións como conseguirmos parar proxectos con grandes impactos (a mina de Corcoesto, a de feldespato da Limia, a de Muras e outras, recentemente o proxecto da Megacelulosa Altri, polígonos eólicos que ían enriba das casas...), sentenzas favorables en moitos casos como cando deixaron fóra das axudas do Covid ás granxas de carne máis pequenas, cambios na lexislación como a Lei de Titularidade Compartida das explotacións agrarias, mudanzas de criterio como cando deixaron de excluír as mulleres labregas das axudas por fillos e fillas menores de 3 anos, e outras moitas. A nivel internacional foi unha gran alegría cando conseguimos que se aprobase por parte da ONU a Declaración de dereitos dampesiños e de outras persoas traballadoras das zonas rurais, que impulsamos desde a Vía Campesina, por exemplo.


Visto o panorama actual, como ves o futuro labrego e gandeiro na comarca da Mariña?

Hai relativamente poucos anos en case todas as casas do rural había unha actividade agrícola ou gandeira. Había vacas en moitas casas, case todas os fogares do rural cultivaban os seus hortos, había nenos e nenas, e había moitas relacións e colaboracións entre a veciñanza. Nas últimas décadas todo isto foi mudando, hai un rural moito máis envellecido e en practicamente todos os lugares as persoas que temos unha actividade agraria somos minoría, o que acaba facendo que moitos lugares deixen de cultivarse, pérdese moita da biodiversidade cultivada, as paisaxes cada vez son menos mosaico, para avanzar os monocultivos, sobre todo de eucalipto. No futuro, e tendo en conta a idade elevada das persoas que hoxe están na actividade, semella que este proceso irá a peor. En todo caso, eu teño moita esperanza porque a nosa comarca é un lugar privilexiado para vivir, pódese cultivar prácticamente de todo polo clima que temos, e no futuro os alimentos variados e de calidade van ser moito máis escasos e demandados, o que implica un potencial enorme para a xente que aposte polo rural e por producir os alimentos que a sociedade vai necesitar.

O SLG non só se ocupa dos problemas do agro senón que tamén se solidariza con cuestións medioambientais, sociais, culturais, etc. Que che parece a situación política do momento?

Hoxe podemos ver como moitas institucións e gobernos actúan ao ditado dos poderes económicos, priorizando os intereses dunha minoría sobre o interese xeral en cuestións tan importantes como a alimentación, a saúde, a paz ou mesmo o dereito a ter futuro das xeracións que veñen detrás.  O goberno de Rueda, por exemplo, actúa como gran valedor dos intereses de empresas como Altri ou Cobre San Rafael, Ence, Acciona ou Puentes y Calzadas en Sanidade, Domus VI, Geriatros ou Eulen nos temas de dependencia, ou Inaer e Babcock nos medios aéreos contra o lume, por citar uns poucos casos. Estamos nun momento moi perigoso da historia, no que se multiplicou dun xeito moi importante a capacidade de destruír do ser humano. Na actualidade gobernos das principais potencias como os Estados Unidos, Israel, Rusia, Irán... son os que maior desprezo teñen polos dereitos humanos e mesmo pola legalidade internacional. Vemos como en moitos lugares se está a fomentar o racismo e a supremacía dun tipo de persoas sobre outras, criminalizando as persoas pobres ou os migrantes. Cuestiónanse os avances a nivel de dereitos das mulleres, de moitos colectivos e en xeral do conxunto da sociedade, aproveitando o descontento social para avogar por sistemas máis autoritarios e represivos. É fundamental que sexamos moi conscientes e defender máis ca nunca a xustiza social, os dereitos humanos e a paz.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

SES: "Agora mesmo estamos vivindo a utopía dos nosos avós"

PASEO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

Espazos seguros para o encontro intercultural