JESSICA FERNÁNDEZ CERDEIRA: "Considero importante que a xente vexa a lingua como algo guai”

Jessica Fernández Cerdeira, xornalista de LugoXa e SarriaXa


Carlos P. Garcés Sánchez


Jessica Fernández (Lugo; 1997) ten as raíces familiares en Vigo e vive en Outeiro de Rei desde os 4 anos. Ao tempoo que realizou voluntariado de Tempo Libre, fixo estudos de Realización Audiovisual e de Maxisterio; e completou a carreira de Xornalismo e o mestrado en Profesorado de ESO e BAC. Profesionalmente estreouse en Galicia Confidencial -a cabeceira dirixida por Xurxo Salgado-, estivo durante dous anos no proxecto Neofalantes, en G24  e agora mesmo traballa en LugoXa e SarriaXa.

En calidade de redactora e creadora de contidos, foi convidada a participar no Escoitadoiro I: Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz celebrado o pasado 24 de marzo no Museo Etnográfico de San Paio de Narla (Friol). Dese encontro e doutros temas falamos con ela.

-Xa que estiveche involucrada nun medio de comunicación con protagonismo para as persoas neofalantes, cóntanos en que consistía o teu traballo?

-En Neofalantes, eu era redactora e creadora de contido. Buscaba persoas neofalantes, contactaba con elas e entrevistábaas. Ao crear o contido, algunhas veces desprazábame a Vigo, outras veces a Santiago, á Coruña e outras en Lugo. Cando non había posibilidade de combinar faciámolo por videochamada ou directamente as persoas entrevistadas mandábanme os vídeos contestando as miñas preguntas. Despois, eu facía as montaxes en horizontal para YouTube e en vertical para Instagram. Tamén facía noticia no portal Neofalantes cunha foto, o corpo do texto e o vídeo de Youtube enlazado. Os vídeos verticais subíaos a Instagram e compartíaos en stories e logo tamén se compartían en Facebook.

- Cal é a túa opinión sobre estes proxectos de inmersión lingüística?

-Parécenme proxectos súper interesantes e necesarios para sensibilizar unha realidade moi estendida en Galicia: persoas que por motivos persoais non tiveron contacto coa lingua galega máis alá da materia obrigatoria de Galego na vida educativa, pero que despois decidiron integrala no seu día a día, como é o meu caso. Falar unha lingua sempre é un desafío, pero se tes una rede de persoas que te apoian no proceso e portais como Neofalantes onde ver exemplos e onde verte reflectido, podes acabar sendo ti tamén un feliz neofalante.

- Consideras necesario este traballo de promoción da nosa lingua?

-Si. A pesar de que non comparto a idea que ás veces se transmite de que o galego está en perigo, porque vexo que cada vez máis xente o valora. Claro que é importante seguir promovéndoo. Considero importante que a xente vexa a lingua como algo “guai” e non algo imposto. Por iso, Neofalantes ou o DigochoEu son plataformas perfectas para promover falar máis galego.

- Que opinas sobre o papel das institucións políticas e culturais na defensa do galego?

- Creo que as institucións públicas, aínda que só sexa por postureo ou por interese, están facendo ben o seu papel co galego. Tanto as alcaldías como as deputacións e a propia Xunta fomentan que todos os conformantes dos gobernos se comuniquen en galego en notas de prensa e publicamente, o que é un exemplo para os demais. Podemos debater se é verdade ou mentira, pero tamén creo que a xente ten dereito a poder falar as dúas linguas. Se unha persoa fala galego no seu cargo público, dando exemplo e recoñecemento á lingua, e na súa casa ou coas súas amizades emprega o castelán non me parece un motivo de crítica, como ás veces o é. Antes criticabamos que o galego quedaba relegado ao uso privado e o castelán era o recoñecido socialmente; agora en moitas ocasións é ao revés e está ben ter dúas linguas e poder empregar as dúas.

- Poderías darme a túa opinión con respecto á lingua galega reintegrada fronte ao galego tradicional?

-Paréceme ben que as lingüistas e os académicos da lingua analicen que palabras do portugués pertenceron no pasado ao galaico-portugués e poidan integrarse no dicionario galego, pero creo que é algo medianamente superado. É dicir, o portugués e o galego parécense, como o galego e o castelán, pero son linguas distintas, e hai un dicionario galego que recolle todas as palabras que podemos usar en galego e podemos consultalo a un golpe de click. Non creo que debamos estar debatendo para sempre se “cartaz”, por exemplo, debe estar na RAG. Como xa dixeron que non, pasemos a outro asunto. Eu, como xornalista e polo tanto escritora, respecto moitísimo as normas ortográficas, polo que non podo estar de acordo co reintegracionismo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

SES: "Agora mesmo estamos vivindo a utopía dos nosos avós"

PASEO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

Espazos seguros para o encontro intercultural