O CAMIÑO PARA O CELGA 4: "O primeiro paso tras o que viñeron moitos máis"

Plantación do loureiro. Realizouse durante unha das sesións prácticas da primeira edición do curso para neofalantes celebrado entre xaneiro e xuño de 2025 na escola de Arroxo
Ana Polo
Chámase Andrea. Naceu en Madrid e desde 2023 reside en Foz, a onde chegou por razóns de traballo. O primeiro contacto co noso idioma fíxoo a través da modalidade portuguesa e familiarizouse co noso sotaque grazas a un compañeiro "que me falaba sempre en galego". No curso para neofalantes recibiu as nocións teóricas e a orientación para falar con fluidez. Recentemente acreditou os seus coñecementos superando as probas do CELGA 4.
- Cóntanos, Andrea, como foi o proceso de aprendizaxe da lingua galega: quen che axudou?
-Axudoume moito traballar cunha persoa galegofalante. Aínda que estivese vivindo en Foz, durante o primeiro ano como eu falaba en castelán, contestábanme en castelán. Cando falaba aquel rapaz, comprendíao ben grazas aos coñecementos adquiridos no Brasil. Na metade do meu primeiro ano de estar aquí coñecín o que agora é o meu mozo, galego-falante e defensor do nacionalismo galego. Obviamente, o punto de partida é a miña curiosidade -ou mais ben respecto- por coñecer a cultura do sitio en que estou.
-Fálanos da experiencia no curso para neofalantes.
-Durante o meu primeiro ano de residencia aquí, estiven buscando cursos de galego a poder ser gratuítos, pero non atopei ningún. Un día unha compañeira de pandeireta pasoume o anuncio do curso para neofalantes. Tiven moitísima sorte de atopalo porque aprendín o idioma a través da cultura. Fomos moito máis alá da gramática.
-Que recomendas a quen desexe iniciar o proceso?
-Perder o medo a falalo! Penso que iso é o mais importante. Cando vin a reflexión de Berta Vidal, sentinme moi identificada. Sen dúbida, pasamos polo mesmo proceso. A parte de tentar falalo co meu mozo, lémbrome perfectamente que a miña primeira vez foi no supermercado coa caxeira. Penso que só lle dixen “moitas grazas”. Fíxeno como con medo ou vergoña, non sei se a non falalo ben ou a ser xulgada, pero foi moi importante dar ese primeiro paso tras o que viñeron moitos mais.
Comentarios
Publicar un comentario