O GALEGO DE CARACAS
Simón Rodríguez, O Galego de Caracas, xunto a Carlos P. Garcés na mostra de TECENDO REDES
Carlos P. Garcés
Simón Antonio Rodríguez Landaeta, coñecido como "O Galego de Caracas", naceu en Venezuela. Realizou estudos na súa cidade natal e obtivo a licenciatura en letras pola "Universidad Católica Andrés Bello" de Caracas. Grazas ás Bolsas de Excelencia da Mocidade Exterior de Lugo, en 2019 cruzou o Atlántico e aproveitou para facer un Master en Servizos Culturais na USC.
En 2023 gañou o Premio Nacional de Poesía O Facho co seu primeiro libro publicado A outra patria. Activo noutros eventos culturais, ten pisado escenarios de festivais como o Castelo Conta (Culleredo), Festival Maré (Santiago), Ceiba Rimas (Pontevedra) ou Regueifa Tour (Vila de Cruces) e realiza shows de rap e palabra falada. Ademais ten feitas accións poéticas en espazos como o Museo Provincial de Lugo ou o centro cultural do Vello Cárcere.
Polo que lin de ti deduzo que os teus avós eran galegos, pero que os teus pais naceron en Venezuela, non si?
En efecto, concretamente os meus avós paternos eran de Pontevedra. O meu pai foi o único dos seus cinco fillos que naceu en Caracas. Eu non me criei con eles; a miña avoa Lola morreu cando eu tiña por volta dun ano e o meu avó Manolo pasara ao Alén máis de dez anos antes da miña existencia. Aínda que os teño moi presentes na miña obra, os meus avós son máis ben unha influencia fantasmagórica, un recordo reconstruído.
Escoitaches falar algún día o galego na casa da túa infancia?
Eles na emigración non lle transmitiran a nosa lingua aos seus fillos. Malia que entre eles acostumaban falar galego, aos cativos dirixíanse en castelán.
Que coñecementos tiñas de Galicia e da súa lingua antes de chegar a Lugo?
Tanto era o esquecemento desa raíz no meu seo familiar que eu non sabía que existía a lingua galega ata que comecei a planificar a miña emigración, uns meses antes de vir. E de costumes quedou apenas a tradición da miña tía Nena de preparar e convidarnos a comer un cocido nas festas de decembro. Esa era a única forma que tiñamos de honrar o noso herdo galego.
Chegas a Lugo en 2019 e en 2023 xa tés un premio por teu libro A outra patria, o que supón un coñecemento profundo non só da fala senón tamén da escrita. Como foron os teus primeiros pasos na aprendizaxe do idioma?
Eu aprendín o galego principalmente nos cursos de preparación para as probas CELGA da Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Pasei os diferentes niveis, do CELGA 2 ao CELGA 4, entre 2020 e 2022. Logo de superar as probas do CELGA 4, collín confianza para facer o libro e máis todo o que envolve "Galego de Caracas" como proxecto cultural. Decidín predicar co exemplo e usar o galego na miña vida en todo contexto que sexa posíbel.
Que parte dese proceso de aprendizaxe che resultou máis difícil?
O uso na rúa ao principio era frustrante. Eu utilizaba un galego moi normativo, académico, até literario, que era difícil de entender para os nativos que tiñan o galego da casa. Estrañáballes moito e facíaselles raro encadrar o meu sotaque e o meu fenotipo nunha conversa en galego. Atopaba bastante prexuízo ou falta de costume e eran poucos os que me devolvían a fala na mesma lingua na que eu tentaba usar con eles. Podían usala perfectamente, mais non o facían, e eu sentíame bastante subestimado en canto á miña capacidade para falar. Pouco a pouco, co uso, adquirín un coñecemento do galego máis próximo á fala popular; iso axudoume a ir superando esas barreiras iniciais de interacción, que aínda non desapareceron de todo.
Cal foi o paso decisivo?
Cambiar o meu usuario en RRSS a @galegodecaracas foi un paso importante, porque xa anunciaba a miña intención ao mundo. Foi tamén un lugar onde -simultaneamente- atopei apoio e resistencia: a maioría dos meus seguidores eran venezolanos e non entendían o que estaba a facer; tiven que teimar para educar ese público mentres lograba captar seguidores galegos.
Persoas interesadas na literatura...
Logo teño que falar do ámbito dos Slams Poéticos, o primeiro ambiente en que entrei desde o principio falando en galego. Usei "Galego de Caracas" como alias para que fose moi clara a miña proposta, a miña intención, o lugar de onde viña e cal era a lingua que quería usar. Foi alí tamén onde comecei a coñecer máis xente que valoraba o que eu facía, que apoiaba a miña posta en valor do galego e que dalgunha maneira se converteron nos meus irmáns da fala.
Cóntanos que é o "Slam poetry".
O Slam poetry é un torneo competitivo. Os participantes recitamos textos propios e orixinais en vivo.
Que che supuxo entrar no circuíto de Slam Poetry?
O Slam Poetry cambiou a forma de concibirme a min mesmo como artista. Eu en Venezuela xa era un mozo poeta e estaba metido na movida cultural. Ao chegar aquí perdín a rede de apoio que tiña. Por outra parte, comecei a escribir nunha lingua para a cal non tiña lectores, non coñecía case ninguén que lese poesía en galego.
Foi unha maneira de entrar no ambiente cultural.
Para min o Slam Poetry comezou como unha estratexia para meterme na movida literaria galega, para coñecer xente e dar a coñecer o que estaba escribindo. A outra patria xa se estaba cociñando antes da miña primeira aparición nun slam e eu tiña iso en mente. Logo resultou que me gustou moito a experiencia e á xente lle gustaba o que eu facía no escenario.
A estratexia resultou ben.
Os que estamos nisto considerámolo un vicio; eu quedei enganchado. O slam amplificou o concepto que eu tiña de min mesmo como artista; primeiro pensaba que era só un escritor, logo entendín que tamén podía ser un artista escénico, un poeta destacado tanto no texto como na oralidade. Grazas ao Slam vivín experiencias que non imaxinei: a estatal de Poetry Slam España, a final do Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica (aínda que non é un slam, as táboas que necesitaba para estar alí collinas no slam).
Xa viviras experiencias dese tipo en Venezuela?
En Venezuela nunca pensei que sería capaz de competir a ese nivel, compartir escenario con poetas de toda España, moito menos pensei que o podería facer nunha lingua que non fose o castelán; e fíxeno, levei os meus poemas en galego a Santander e a Madrid nas finais de 2024 e todo o mundo quedou sorprendido co que fixen.
Na túa opinión, que valor ten o uso do galego, que significa na cultura galega e como se debería promover a nivel institucional?
O galego para min é o elemento que define principalmente a identidade da Galiza. Como dixo Castelao: "Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma". Na nosa lingua hai un xeito propio e único de entender e de sentir a nosa terra, un xeito cheo de amor propio, de cariño á terra e ao pobo. Todo o que está feito en galego irradia unha beleza autóctona que debemos coidar, que ten un valor incalculábel.
As institucións teñen que garantir a súa supervivencia e a súa primacía no territorio galego. Non darlle prioridade fronte ao castelán é condenar a lingua á morte. O castelán non necesita que o defendan, é das linguas máis faladas no mundo, e non hai maneira de que o galego poida estragar iso. Mais o castelán si que ten o poder para facer desaparecer o galego, se non tomamos en serio o valor que ten para nós a nosa lingua. Hai que tomar medidas fortes e eficientes porque o perigo de extinción é inminente.
Fálame agora da túa proxección artística. Despois de escoitarte recitar e de ler A outra patria, teño a sensación de que a túa é poesía guerrilleira, provocadora, de denuncia e, ao mesmo tempo, asertiva. Como a clasificarías ti?
A palabra "guerrilleira" non me agrada especialmente, xa que implica estar disposto á violencia en prol dunha loita ideolóxica, político-partidista. Eu refuso comprometerme a ese nivel, sexa a causa que sexa. Téñenme acusado de "nini" algunha vez, pero é unha etiqueta que sinceramente non me incomoda. Tamén é difícil moverse nese paradigma en Galicia sendo un artista migrante que promove o uso do galego, porque é un perfil que a todos lles interesa instrumentalizar. Eu ante todo son unha persoa, cunha historia, pensamento e un sentimento propio; non son a materialización dun fetiche ideolóxico.
Non te vexo un "nini"...
No que a min respecta, ser un "nini", máis que levarse ben con todos, implica ser crítico con todos. Colaborar cunha causa maior -a causa humana- sen deixar que as diferenzas nos impidan xuntarnos e traballar pola sociedade, paréceme máis importante ca unha axenda política. O meu é contribuír con sinceridade, dicindo o que penso, tentando ser equilibrado no pensamento. Desde alí asumo a misión de ser incómodo, que para min é un dos labores máis importantes dos artistas.
Ser crítico ten un custo importante.
Rexeito o maquiavelismo, mais son moi realista e cústame pensar nunha forma de participar directamente na política sen luxarse eticamente. Por iso prefiro afastarme da militancia. A miña trincheira é a arte. Para min só o feito de dicir, recitar e rapear é unha forma de loita, a única en que as miñas conviccións me permiten entrar.
Non só recitas, tamén acompañas a voz con música, actuacións e mesmo a interpretas, facéndoa máis comprensible. É esta a túa forma habitual de darte a coñecer?
Eu fago algo que está tipificado de moitas maneiras. Poesía viva, poesía expandida, poesía escénica, performance poética, palabra falada, etc. Podes escoller a categoría que queiras para definir o que fago; eu mesmo alterno e dubido entre as opcións, mais ao final é o mesmo. Non é nada novo e son moitos os artistas galegos e internacionais que practican este xénero. O que si che digo é que a esta práctica quédalle moito por medrar, por desenvolverse, por perfeccionarse. Eu quero achegar o meu gran de area para que este xeito de facer poesía se volva cada vez máis sofisticado, cada vez máis profesional, para que se intensifique a calidade das propostas e sexa máis recoñecido, consumido e demandado polo público. Quero que as institucións o teñan cada vez máis en conta á hora de facer programación cultural, valorándoo como unha práctica que merece recoñecemento, difusión e retribución. Quero que o proxecto "Galego de Caracas" deixe pegada.
Tamén participas en proxectos culturais e de apoio á emigración, como TECENDO REDES. Como inflúe na túa obra ser inmigrante? Sentícheste algunha vez discriminado por iso?
Nos últimos anos a miña obra xira en torno á migración porque é algo que vivín e vivo e que cambiou a miña identidade e a miña maneira de estar no mundo. A arte serve para falar do que nos pasa, a min pásame que son migrante, como a maioría dos paisanos venezolanos que pertencen á miña xeración. Somos o resultado dun contexto político que definiu o curso da nosa vida e iso dá moita tea para cortar.
Comentarios
Publicar un comentario